<<

Rhino Hero: Super Battle

O meu colega máis especializado en xogos de taboleiro, que tamén fai as veces de camelo lúdico, sacoume unha tarde o Rhino Hero, un xogo para todas as idades consistente en facer unha torre de naipes. Pasámolo ben construíndo competitivamente, poñendo a proba os nosos pulsos até a irremediable derruba da edificación. A verdade é que, inda que eu gozo con deseños deste estilo, a miña colección particular de xogos de taboleiro está composta por ese outro estilo de deseño no que os xogadores teñen que aprender ben as regras e que melloran moito cando se xogan coa faciana adusta. Por iso, cando unha familiar preguntoume por un agasallo para min (e, ao meu pesar, non valía “nada” como resposta), acordeime do Rhino Hero: é entretido, diferente do que teño e non ocupa moito espazo físico nos andeis.

A miña sorpresa foi ben grande cando, no canto da caixa chusquiña que agardaba, apareceu un caixón de dimensións equivalentes ao Alta Tensión reenerxizado. Resultou ser o Rhino Hero: Super Battle, unha imaxinación do anterior na que construiremos un edificio, cunha dubidosa arquitectura, no que Rhino e os seus colegas loitarán para saber cal é o superheroe animal merecedor da medalla de campión. Recoñecerei que a miña primeira sensación foi de mágoa por ter que encaixar un cartón tan grande na miña xogaría, mais a segunda foi algo máis de anoxo porque realmente o contedor ocupa bastante máis ca o contido, unha molestia que non serve máis que de campaña de publicidade e para xustificar o incremento do custo respecto ao orixinal, por moito que ambos merezan cadanseus prezos independentemente diso.

O xogo non deixa de estar orientado para os cativos e é algo que se nota nalgunhas decisións. As regras teñen unhas poucas ambigüidades sobre o que se pode ou non se pode facer, mais a meirande parte das posibles discusións resólvense amablemente polo ambiente infantil promovido. Para repartir as vitorias entre todos os xogadores posúe un compoñente de chou moi elevado para un xogo baseado na destreza: existe unha tirada de dado en cada quenda que determina cantos andares sube ou baixa cada personaxe, cunha alta variabilidade. Para aumentar as posibilidades de vitoria hai que ter o personaxe no piso máis alto posible, pero iso unicamente depende do azar, polo que o mellor que podemos facer é aumentar a construción na nosa quenda sen botalo todo abaixo.

A partida remata cando algún xogador derruba parte da edificación. Aí teño unha pequena crítica estilística que non ten solución doada porque, ao contrario que no Rhino Hero clásico, o final non é sempre todo o espectacular que podería ser. Neste caso cabe a posibilidade de que se veña abaixo unha parte pequena da construción, acabando a partida pero deixando en pé case toda a estrutura. Un final axeitado, con todo caído pola mesa, só sucedeu nunha das tres partidas que xogamos. Nas outras dúas veces, logo de determinar a gañadora ou gañadoras, convertemos o xogo nun Jenga, intentando extraer paredes sen tirar nada; polo de agora só o conseguimos facer unha vez, pero tamén é certo que as estruturas resultantes non se prestan moito a isto, que non deixa de ser un entretemento adicional totalmente alleo ao xogo.

Após esas tres partidas xa non me dá tanta mágoa ter este Super Battle, agás polo tamaño da caixa. O outro adoecía a dous xogadores e este aguanta un pouco mellor ese número, por moito que todas as mecánicas de mover aos protagonistas sexan inda máis de adorno. Tamén cabe a posibilidade de mesturar este co Rhino Hero orixinal, que nin sequera ocuparía máis espazo nos estantes porque ben entra na caixa deste. Apúntomo tamén por se algún outro día teño que volver a autoelixirme un agasallo e non me apetece poñerme a enumerar todas as expansións que me faltan do Señor dos Aneis LCG ou do Android: Netrunner. E se alguén quere xogar comigo a algún deses dous xa sabe que é máis que benvido. Iso si, ao Netrunner sempre coa faciana adusta.