<<

Towaga: Among Shadows

Porque teño boa memoria para estas parvadas, pero podería imaxinar un futuro no que atopo o título deste Towaga: Among Shadows na miña listaxe de xogos e non me decato de que non é un deses de sixilo que nunca xogo, por máis que teña algún Metal Gear na miña lista de posibles, máis por ser parte do canon de moita xente ca porque me atraia o de agocharme baixo caixas. Este Towaga é diferente porque o protagonista que manexamos está sempre visible, no centro da pantalla, mentres intenta aniquilar (exorcizar segundo os textos, inda que non o pareza) ás ondadas de monstros que se queren achegar á súa posición. Tamén ten outra diferencia inda máis notable cos Metal Gear: este non é o preferido de ninguén. Xogueino porque estaba na miña colección de Steam, era curto, non semellaba esixir moito e non era o Slay the Spire, ao que xa lle toca descansar.

Controis

Non me impresionou, non me defraudou, non me desgustou, non me gustou. Non. Recoñezo que, nas capturas, os debuxos son bonitos, pero en movemento tampouco é algo moi doado de apreciar. E, seguramente, os gráficos sexan o punto máis alto do xogo. A parte xogable é moi sinxela con pouco tempo para a táctica. A única variación ao de apuntar coa panca dereita atópase no emprego de feitizos, dos que só podemos seleccionar un no comezo de cada nivel, nunha decisión moi difícil de xustificar. Penso que sería máis divertido dispoñer dalgúns máis en cada intre, de maneira que se poida empregar o máis axeitado para cada situación, permitindo elevar o teito de habilidade do xogador máis aló de saber enfocar o raio ese xigante. Eu xoguei case toda a historia empregando a maxia de lume porque semellaba ser a máis efectiva contra os inimigos grandes, pero o derradeiro nivel fíxome cambiar de opinión. Aí comézase con dúas ondadas de inimigos voadores moi preto do protagonista sendo, diría eu, imposibles de eliminar sen unha maxia elixida adrede para ese encontro. Por tanto, xa nin tiven ese pequeno toque persoal de ir contracorrente coa maxia de lume.

Caos

E así pasou o modo historia, incluíndo a segunda parte que só é máis do mesmo, agás que máis complicado e con inda menos alma. E, seguramente, a falta de alma sexa o punto máis baixo do xogo. Por momentos semella que estamos a xogar un xogo de mostra, feito de mesturar uns debuxos bonitiños atopados por aí con algún titorial do motor gráfico. Case podo ver o código e como se podería mellorar só de xogar dúas horas e media: • Cando o xogador derrote ao xefe final hai que facer estoupar inmediatamente todos os inimigos e darlle inmunidade ao protagonista (saíume ata o logro de xogo rematado ao mesmo tempo que se me dicía que fracasei). • Hai que axustar mellor o número ao chou que define o número de inimigos dun nivel, xa que é bastante frustrante suar durante catro minutos para rematar morrendo afogado polos voadores e, no reintento, despachar todo na metade de tempo sen recibir dano unicamente porque apareceron menos atacantes.

Inimigos

Agora mesmo xa non lembro máis pero, combinado coas decisións de deseño, non deixan nin un bo sabor de boca nin unha sensación de ter perdido o tempo. Por moito que se corrixiran esas cousas que apuntei, o xogo tería a mesma esencia baleira, quizais exorcizada, que marca calquera experiencia con el.