Unchained Blades. Capítulo 1, o dilema do dragón
Nunca xoguei moito a xogos de rol de exploración de alxubes en primeira persoa, e nunca fixen un mapa en papel para un. Mais por algún motivo entráronme ganas de facer iso mesmo con algún clásico. Dubidei entre algún dos Wizardy que teño na miña conta de Steam ou o Shining in the Darkness que tantas veces empecei pero no que nunca cheguei moi lonxe. Estaba xa case convencido cando atopei este Unchained Blades da PSP, unha versión máis moderna desa experiencia clásica que estaba a procurar, incluíndo a modalidade de mapa automático. Non tivo moitas críticas positivas no seu día, pero os puntos negativos máis repetidos non me importaban en demasía, polo que decidín darlle un tento igualmente.
A péga principal para moitos críticos é a elevada dificultade que inunda completamente a experiencia. Eu decidín xa de entrada tomarmo con calma, explorando completamente todas as casas dos diferentes andares de cada alxube antes de seguir co seguinte. Desta maneira, e cunha axeitada e estratéxica planificación de adquisición de puntos de experiencia, máis ou menos levei ben todos os incrementos de dificultade. Un detalle moi importante é que podemos gardar a partida en calquera momento, e ademais hai un obxecto ben barato que nos levará de novo á zona segura da aldea. Isto fai que en realidade non haxa ningún risco se gardamos a partida logo de combate, por pouco ameno que sexa este plan. Postos a fomentar este estilo de xogo agradeceríase se non fora tan incómodo, se cadra engadindo unha acción para saír automaticamente do combate volvendo ao estado anterior, e o mesmo ao perder unha loita, coma no Great Greed.
E xusto isto encaixa coa crítica principal: a mala experiencia de usuario navegando tantos menús como hai para integrar tantos subsistemas. No comezo non é nada obvio comprender como funciona, por exemplo, todo o tema dos seguidores e as habilidades dependentes das ánimas dos mesmos. Mais unha vez que os conceptos están claros, inda toca navegar polos menús para ver ben as características de cada seguidor, as súas ánimas e comprobar se son os axeitados para cada un dos nosos personaxes. Ademais de moitos outros pequenos detalles como non saber con exactitude o que fan moitas das habilidades que modifican as estatísticas básicas ou non poder xubilar a un seguidor no mesmo intre que liberamos a outro, perdendo irremediabelmente esta nova incorporación.
Pero para o que non me preparar ningunha crítica foi para as imaxes dos personaxes femininos, coa súa escasa roupa e xigantes peitos. Non sei se ten algún nome, pero coido que moitas pertencen ao mesmo grupo que a Ivy do Soul Calibur, cunha razón de peito cuberto por roupa inferior ao 25%. Xa levaba algunhas horas pasándoo ben cando Nodar uniuse ao grupo, e a piques estiven de rematar aí a experiencia porque xa dende hai algúns anos este tipo de debuxos amólanme moito, e non son poucos os xogos de taboleiro aos que nin me arrimo por esta razón. Desta vez fixen das tripas corazón e proseguín coa partida, pero cada escena na que lle botan as tetas faime reconsiderar bastante esta elección.
No conto da aventura xa superei os dous prólogos e o primeiro capítulo. Explorei todas e cada unha das casas ás que tiven acceso (ou iso creo [si, efectivamente si]), incluíndo aquelas que lle fan dano a todo o grupo cando son pisadas, polo que coido que completei o mapa virtual na medida do posíbel inda que os meus personaxes sufriran sen razón por elo. Non sei se esta experiencia rematará coas miñas ganas iniciais de facer ese mapa ou se me converterá nun novo fanático do xénero. Polo de pronto aumentaron os meus desexos de adquirir a miña primeira Nintendo DS (a alguén lle sobra unha?) e así ter máis opcións coma os Etrian Odyssey. Polo menos esa saga semella ter as rapazas mellor preparadas para o combate dende o punto de vista das súas proteccións. Mais inda queda moita aventura neste Unchained Blades e hai tempo para que se redima, inda que só sexa un pouquichiño.
- Tempo de xogo: 10,5 horas.
- Nivel medio dos personaxes: 22.
- Personaxes no grupo: 4.
- Personaxes femininos: 2.
Unchained Blades. Capítulo 2, os desexos de tres rapazas
Logo de máis de dez horas neste Unchained Blades comezou o segundo capítulo arrebatándome case todo o obtido até entón. De novo no primeiro nivel de experiencia, sen cartos, sen obxectos e sen nin sequera ningún dos catros personaxes que xa tiña ben adestrados. Neste caso tocoume manexar un trío de femias con personalidades variadas e, por sorte e en contraposición co anterior capítulo, ían ben tapadiñas. Iso non evitou unha escena que non viña a conto de nada na que as protagonistas bañábanse nunha termas, facendo chistes sexuais propios dunha adolescente e que seguramente non terían lugar da mesma maneira se foran tres homes os das termas. Coido que noutro tipo de xogo non me importaría tanto, mais neste non ten moita razón de aparecer cando as escenas con gráficos propios son poucas e atópanse espalladas.
O resto da narrativa seguiu a Leixa e a seu grupo na súa incursión na titán-tartaruga para conseguir un desexo da deusa do cosmos todo. Polo camiño o grupo atopará a un pai e a o seu fillo que tamén andan na procura do desexo para restaurar a súa vella aldea que foi destruída hai un par de anos. Nun final que encaixaría cun capítulo dun shonen, a até ese momento egoísta Leixa cedeu o seu desexo a dito pai porque o seu fin era máis digno. Seguramente serve para tamén facer contraste co protagonista orixinal, que xa dende o primeiro corte do prólogo amósase como alguén que só pensa en si mesmo e que permite a existencia dos demais sempre que non inflúan nos seus propios plans. As personalidades de cada personaxe están baseadas nun único trazo para cada un, pero a cantidade de liñas de diálogo presentes tampouco dan para moito máis.
O novo alxube trouxo dúas principais novidades: unha trampa nova no chan que nos despraza a unha casa adxacente determinada ao mesmo tempo que nos fai dano, e unhas pequenas partes do percorrido que se van afundindo con cada paso, obrigándonos a volver ao punto de partida cada pouco para baleiralas e repetir. Tamén atopei unha porta que semellaba que “non se abriría para min” pero que eu “igual precisaba máis carisma”. Sen entender moi ben a aparente contradición, eu volvín varias veces logo de subir os niveis de carisma pero nunca fun quen de abrila; ao igual ca outra cun certo símbolo que non recordo e para a que non teño a chave, quizais ambas cousas estean relacionadas, pero non o saberei até capítulos futuros.
Coma non podería ser doutra maneira, a última loita do capítulo foi contra a propia titán-tartaruga. Fixen un pouco de tempo subindo até o nivel vinte antes de enfrontarme a ela, pero precisei tres intentos cun pouco de sorte para esquivar algúns ataques de xeo que resultaban nunha morte instantánea da vítima. Nese terceiro tento non apliquei as mellores tácticas, mais finalmente obtiven a vitoria por moito que tivese que resucitar á raposiña no medio da batalla. Estas loitas finais son, con moito, o máis interesante do xogo, xa que nos permiten pór a proba a evolución dos personaxes nun encontro no que hai tempo abondo para empregar esas habilidades potenciadoras das estatísticas que pouca utilidade teñen nos encontros normais. Inda non conseguín aplicar con éxito os que minguan as capacidades do inimigo nunha loita contra un xefe, polo que supoño que son inútiles nese contexto.
Outro capítulo máis no peto e tiven que obrigarme a parar e escribir esta entrada con calma antes de continuar. O xogo está lonxe de resultar perfecto, coma xa conto nestes artigos, mais o repetitivo do bucle principal xera un efecto relaxante no que me abstraio a medida que exploro os alxubes. Dado os básicos do xénero, cada minuto investido é un pequeno paso cara a meta, polo que o elevado da artificial dificultade (ao final non deixa de ser un tema de números) non me molesta en absoluto. Ás veces agradécese iso de apagar o cerebro durante o goce desta afección.
- Tempo de xogo: 18 horas.
- Personaxes manexados: 7.
- Personaxes femininos: 5.
Unchained Blades. Capítulo 3, o mensaxeiro do inferno
Novo capítulo deste Unchained Blades e novo reinicio dos personaxes xogábeis para volver a comezar de cero sen obxectos, cartos nin puntos de experiencia. Neste caso a principal novidade consiste en que só temos un personaxe no grupo, polo que as loitas recordan a clásicos como o primeiro Ultima ou ao Dragon Quest, cun pouco máis de profundidade, pero non moita. Pola súa parte, o novo alxube-titán-elefante introduce un novo tipo de terreo pezoñento, que tan só fai un punto de dano ao protagonista cando o pisa, pero ese dano multiplícase por moito a partir da cuarta casa con esta propiedade pisada consecutivamente. Cando explicaron o sistema ao comezo do capítulo pareceume entender que esa cuarta casa causa a morte instantánea, e non coñecín a verdade até que non din un pasiño errado pero non foi fatal.
Unha vez que descubrín ese feito conseguín explorar toda a área accesíbel neste capítulo aproveitando algunhas características das mecánicas involucradas. A primeira era que os velenos, incluíndo os do chan, non causan a morte, polo que é posíbel pasar por riba de todos sen rematar a partida. A segunda era que non comezan as loitas ao chou namentres camiñemos por esas casas especiais. E a terceira, e tamén a máis tramposa, era que cargar unha partida gardada reinicia o contador interno de pasos para xerar os encontros ao chou. Por tanto, combinando estas tres cousiñas fun capaz de percorrer todas as áreas sen risco e volver a un campamento ou cristal curador para restaurar toda a vida de Ludrio, o meu solitario protagonista deste capítulo.
Porque o de ter un único individuo no grupo foi o que realmente marcou o transcorrer do episodio. Todas as loitas baséanse máis na forza bruta e non hai marxe para encaixar un mal golpe. Desta vez si que o videoxogo puxo a proba a miña paciencia e até diría que foi unha decisión de deseño totalmente consciente para ver se podían forzar tanto e inda así ter xogadores masoquistas que sigan adiante. E abofé que eu continuei, por moito que tivese que volver a curarme logo de cada combate superado e que non foran poucas as veces que vin a animación de xogo rematado. Debido a tanto cargar a partida, o tempo de xogo rexistrado e o real terán máis discrepancia que normalmente, inda que este capítulo rematou antes do que agardaba polo que non se me foi tanto de man.
Asenteime na quinta planta do alxube e comecei a gañar puntos de experiencia dunha maneira lenta e penosa. Por sorte descubrín dúas baldosas nas que sempre aparecía un inimigo poderosísimo, capaz de matar a Ludrio nunha única quenda e contra o que os ataques do guerreiro non facían case nada. Afortunadamente, a primeira habilidade de burst de Ludrio pode causarlle a morte instantánea a calquera inimigo, incluso a este estraño cabalo. Dende ese momento o meu plan trocou a dar un paseo loitando contra inimigos comúns até recargar a barriña do ataque especial. Nese momento gardaba a partida, forzaba unha loita contra o equino e cruzaba os dedos para que non me esnaquizase na primeira quenda. Se todo saía ben, gañaba un lote de experiencia curioso. Repetín isto mesmo unhas poucas veces até o nivel dezasete e avancei cara o seguinte desafío.
A última loita do capítulo era contra seis inimigos comúns, non especialmente perigosos pero os números xogaban ao seu favor até que probei logo de adestrar tanto (a falta dun termo que capte mellor o concepto de grind). Como xa dixen, non contaba con que fora o último encontro do capítulo, polo que forcei aforrando os puntos de maxia e os obxectos consumíbeis. Saíume ben á primeira e, cunha animación sanguenta que non pinta ben para Ludrio, chegou o final desta terceira parte. Quero crer que xa pasei o máis duro do videoxogo, pero xa veremos o que me deparará. Eu non freo!
- Tempo de xogo: 21 horas.
- Personaxes manexados: 8.
- Personaxes femininos: 5.
Unchained Blades. Capítulo 4, un pequeno gran desexo
A primeira metade deste cuarto capítulo do Unchained Blades foi moi dura. Ao comezo non me afixen ao retorno do cuarteto orixinal, tardei en completar as buscas do anterior capítulo, avancei lentamente logo de incorporar novos membros ao grupo e, o máis terríbel, tiven a peor xaqueca do que vai de ano após tentar avanzar un pouco unha mañá dun sábado. Despois diso conseguín, nos dous días seguintes, asentar ben o fato, rematar coas buscas e esnaquizar ao titán-elefante deste capítulo no primeiro encontro, en boa parte porque os meus personaxes atopábanse nun nivel moi alto por tanto deambular intentar achar os materiais e inimigos precisos para satisfacer esas buscas que me encargaban dende as aldeas.
Esas misións son das típicas aburridas de “levar catro garras de certo monstro” (que inda que teña catro patas ten unha media de 0.1 garras por pata, no mellor caso), explorar o X% dun nivel específico ou apañar algún ingrediente raro dalgún recuncho do mundo. Neste capítulo apareceron tamén algunhas máis interesantes nas que hai que volver a un alxube anterior e cumprir certo requisito, coa novidade de que inclúen un diálogo cunha certa muller misteriosa e interesante ao mesmo tempo. Supoño que aprenderemos máis dela a medida que aparezan máis das súas misións e, quero crer, outorgaranos algunha recompensa que pague a pena, inda que simplemente as liñas de diálogo xa dan valor por si mesmas neste xogo. Agardo que aparezan máis buscas deste tipo porque a principal razón pola que completo as outras é puramente externa, por aproveitar ben todas as posibilidades do xogo no lugar de superalo o antes posíbel. Os obxectos ou cartos que nos dan normalmente non soen compensar o traballo.
Unha vez que se xuntaron os grupos dos episodios un e dous tiven que decidir un cuarteto titular, xa pensando no final porque non conto con novas incorporacións, xiros nin ningunha necesidade particular de bailar esa selección tendo en conta que os que fican fóra non gañan puntos de experiencia. A miña idea orixinal consistía en facelo totalmente feminino, pero a nena-boneca-mandrágora non me entusiasmaba moito, á pícara-raposa non lle escollín ben as habilidades e non me parecía ben deixar fóra da elección ao principal protagonista, que coincide co atacante físico máis forte. O plan para avanzar polos alxubes consiste entón en deixar que Gonte e Leixa ataquen coas súas armas corpo a corpo gardando os puntos de maxia para facer curas entre loitas; namentres, na segunda liña, teño a Silvela e Nodar coa posibilidade máxica de facer dano en área para despachar eses grupos perigosos. A favor deste xogo podo dicir que empregar feitizos nas loitas ao chou non é nin tan desperdicio nin tan inútil coma noutros moitos xogos do mesmo xénero.
No canto do modo exploración non houbo moitas sorpresas. Retornamos ao alxube do capítulo anterior, inda que por unha nova entrada, e a principal novidade do mesmo foron unhas seccións que hai que percorrer a escuras. Afortunadamente, o mapa automático continúa funcionando normalmente e aparecendo no medio da pantalla, o que pon de manifesto o pouco útil da visión tridimensional principal, polo menos para os que exploramos todas as casas posíbeis. Seguramente sexa unha mágoa que non xuntasen esta característica cun apagado do mapa e/ou as baldosas pezoñentas dos outros andares, xa que aí si que sería interesante para exploralo con cuidado e a escuridade influiría un pouco ao non poder planear tan ben os seguintes pasos.
A narrativa segue a estar centrada nos protagonistas e só avanza cando aprendemos dos mesmos. Neste caso o desexo obtido por vencer ao terceiro titán ficou sen ser empregado coma tal, xa que ambas peticións feitas non puideron ser concedidas porque eran cousas do corazón que xa se cumprían. Por tanto, os verdadeiros milagres da deusa non trocaron o mundo para que encaixase cos desexos do peticionario, senón que lles deron os coñecementos precisos para que saiba que a súa cobiza era en van e que poderían ter alcanzado a súa felicidade moito antes cun pouco de introspección. Mais tamén é certo que o longo camiño até o altar foi exactamente o que provocou que ese desexo se cumprira sen necesidade de ningunha divindade.
- Tempo de xogo: 49 horas.
- Nivel medio dos personaxes titulares: 60.
- Personaxes manexados: 8.
- Personaxes femininos: 5.
Unchained Blades. Capítulo 5, os lumes da guerra
O titán deste capítulo era un aguia, e a verdade é que o superei aparentemente moi rápido, pasóuseme voando. O alxube non era moi complicado, mais tiven que explorar a primeira planta na súa totalidade para atopar todas as trampas-buratos no chan, xa que é preciso baixar por elas para poder acceder a todas as seccións do soto. As outras baldosas novas son unhas areas movedizas que, ao pisalas, desprazan a todo o grupo nun voo até o final do seu traxecto. Aquí teño que dar as grazas ao mapa automático, xa que marcar todos eses camiños nun papel non sería tan sinxelo a non ser que teñamos bo ollo para contar o número de casas percorridas, o que quizais sexa máis do que agardaba ao procurar un xogo do estilo á usanza da vella escola. Agora investiguei un pouco e xa sei algunhas das falcatruadas que me agardan se decidir ir a esas orixes, pero primeiro haberá que terminar este Unchained Blades!
Nos combates non tiven moitos problemas seguindo coas mesmas tácticas do capítulo anterior. Si que notei, principalmente nos dous andares da arca, que a maxia grupal eléctrica que emprego con ambas magas comeza a quedarse bastante atrás. Gañei unha morea de experiencia, polo que puiden desbloquear habilidades máis poderosas para cando equipe a todos os personaxes con seguidores axeitados. Actualmente o meu plan cos mesmos consistía en equipar aqueles máis fortes sen preocuparme moito polas habilidades enlazadas, trocándoos por outros novos unha vez que chegan ao seu nivel máximo. Isto foi abondo para superar todas as batallas de xuízo sen problema ningún, e apañar polo camiño bastantes “animas” básicas para, máis adiante, personalizar aos seguidores máis poderosos. Coido que, para o seguinte capítulo, debería reformularme a estratexia e activar as habilidades importantes para loitar dunha maneira máis eficiente.
Tamén no seguinte capítulo terei que volver atrás, de novo á aguia, para completar algunhas buscas que me quedaron pendentes alí. Hai outras que xa nin aceptei porque consisten en subir a Ludrio e Nigoi até o nivel 48, e son dous membros do grupo estendido que non teño maior interese en empregar, inda que a raposa podería serme útil agora mesma coas súas pasivas para aumentar as posibilidades de atopar as materias primas raras pedidas por algunhas das misións. Secasí xa me imaxino que meter a unha personaxe dun nivel tan baixo no alxube causará máis problemas ca beneficios ao ser unha vítima fatal de moitos dos ataques que poderían ir contra ela. Case mellor seguirei co meu cuarteto titular a non ser que esixencias explícitas da aventura desfaga esta estratexia.
Non obstante, non importa que membros levemos no grupo que a narrativa asumirá que viaxan todos xuntos e participan da aventura en cada intre. Logo de saber que a aguia era o último titán do mundo houbo certo conflito entre os protagonistas. Ao final Nigoi, que sen sabelo tamén viu cumprido o seu desexo de sabedoría durante o transcorrer da epopea, atopou a solución pedindo acceso aos dominios da deusa Clunea. O obxectivo do seguinte (e quizais último) capítulo será chegar até ela para obrigarlle a satisfacer todas as demandas do grupo. O plan non é malo pero xa veremos como sae!
Por moito que me estea a gustar este videoxogo, fáiseme complicado recomendalo. Non só o seu ritmo lento, no que as horas pasan sen sequera explorar moito do alxube, non é para todo o mundo, senón que certas representacións femininas supersexualizadas xa non son nin para min. O máis vergoñento neste tramo foron un par de mencións innecesarias ao xogador coma se fose un lolicon. Certo é que foron nunha pretendida clave de humor, pero non sei que necesidade hai de mesturar de cando en vez todas esas cousas cun xogo baseado en explorar alxubes e loitar contra monstros. Seguirei facendo das tripas corazón até o seguinte capítulo.
- Tempo de xogo: 41 horas.
- Nivel medio dos personaxes titulares: 49.5.
- Personaxes manexados: 8.
- Personaxes femininos: 5.
Unchained Blades. Capítulo 6, o último desexo
Inda que no comezo non daba un can, resulta que hai unhas evolucións nas personalidades e comportamentos dos protagonistas. A medida que avanza a narrativa, os enlaces entre eles estréitanse até o punto no que, antes da pelexa final deste capítulo, cada un gasta o único desexo que pode pedir na súa vida para axudar a algún compañeiro. A idea é sinxela pero confesarei que funciona ben. Veremos que pasa co desexo final de Gonte, o Emperador Dragón protagonista cunha personalidade similar a Vexeta, que é o único con posibilidade de facer que a deusa Clunea cumpra a súa vontade. Mais iso será na seguinte entrada porque, contra todo prognóstico, o xefe final foi un anxo e non a deusa. Ela fuxiu a un novo titán para estender máis o número de liñas escritas por min sobre este Unchained Blades. Como continúe deste xeito, vou ter máis entradas ca o libro de Andrzej Sapkowski sobre o bruxo Geralt de Rivia que comparte nome con este capítulo. Falando do cal, inda non teño moi claro se a saga de The Witcher será para min, as críticas tenden a ser boas pero non hai nada que me chame sobre eles.
Pero volvendo aos personaxes que nos concirnen agora, hai un tema relacionado do que inda non falei: a orixe de todos os monstros. Neste mundo os habitantes nacen con formas humanas e non é até a madurez cando mutan á súa verdadeira forma. Mais non é nese punto monstruoso cando se converten neses seres que nos atacarán nos alxubes uns segundos antes de rematar irremediablemente finados. Iso sucederá cando se deixen levar pola súa natureza salvaxe, rexeiten a civilización e migren aos alxubes a vivir tranquilamente cos seus semellantes. A verdade é que non soa tan mal; mágoa que os invasores non os vexan coma moito máis ca un encontro molesto que hai que superar o antes posible. De cando en vez os protagonistas tamén poden “desencadealos”, devolvéndolles a fala e integrándoos no seu exército coma seguidores.
Eses seguidores son os que organicei un pouco máis axeitadamente para este capítulo, desbloqueando un par de maxias poderosas de Silvela para dar boa conta de grupos de inimigos. Non fixen moito máis neste aspecto, pero foi abondo para superar o novo alxube en tan só tres viaxes e sen empregar consumibles a carradas. Certo é que deixei sen explorar bastante superficie e tampouco rematei todas as buscas, polo que volverei aquí a facer os deberes nas seguintes sesións. O conto foi que nesta terceira incursión decidín probar sorte co xefe final, sen sequera cargar os niveis de “burst” nin os puntos de maxia, e resultou moi doado vencelo, especialmente para un xogo con sona de ser difícil. Xa veremos se o seguinte capítulo é definitivamente o último e se haberá unha subida da dificultade ou non. Todo apuntaría a que si pero xa non sei que pensar.
O que é seguro é que xa desbloqueei todas as habilidades dos nodos dos personaxes que máis me interesaban, inda que non puxen moitas en acción. Agora estoume a centrar nas pequenas pasivas para ter os números un pouco máis da miña parte nos combates, e non semella que estea a funcionar nada mal. O sistema está ben pero non permite personalizar moito aos personaxes e hai moitísimas habilidades que ou ben non se empregan porque non encaixan as ánimas ou porque xa non son útiles. O que é seguro e que non podes ficar con esa impresión de ter desperdiciado moitos puntos xa que hai abondo para chegar a moitos lugares.
E deixei para o final da entrada o de falar das mecánicas particulares introducidas neste capítulo porque non hai moito que salientar. No templo dos ceos hai un tipo novo de portas transparentes que se poden cruzar premendo un botón da PSP, coa única novidade de que se a intentamos atravesar cando aparece o raio que a protexe os nosos personaxes recibirán un pouco de dano. Na práctica é moi doado evitar e non será máis ca unha pequena pausiña no noso percorrido. Até a animación do raio é ben cutre! Diría que consiste exclusivamente en dúas imaxes. Teño un pouco de medo que o seguinte capítulo tamén teña apurado o deseño e non poida rematar nunha nota alta. O meu desexo para Cluena vai por esas liñas. O de Gonte como será?
- Tempo de xogo: 35 horas.
- Nivel medio dos personaxes titulares: 39.5.
- Personaxes manexados: 8.
- Personaxes femininos: 5.
Unchained Blades. Capítulo 7, a creadora
Comecei este sétimo capítulo completando as misións que me quedaron abertas no Templo dos Ceos do anterior capítulo. A motivación e case puramente extrínseca, xa que as recompensar normalmente non pagan a pena. Para este capítulo final no derradeiro titán xa non me preocupei tanto de levalas ao día nin de explorar a totalidade do mapa máis aló das dúas primeiras incursións. Na terceira cheguei directamente a Clunea, a xefa final desta historia e creadora de todas as cousas sobre a terra. Como é posible gardar a partida xusto antes da dobre loita non me preparei nada para ela, polo que comecei sen ter as barriñas de “burst” a tope e os puntos de maxia ao setenta por cento. Resultou máis ca abondo e non tiven que empregar ningún obxecto no medio da loita; até esquecín empregar as maxias que melloran as estatísticas de combate na primeira quenda da segunda fase.
O final narrativo foi acelerado. Explicouse como toda a cobiza dos dos desexos pedidos á deusa durante tanto tempo acabaron por pasarlle factura e toleándoa. E iso foi do pouco salvable de todas as conversacións resultantes. No que noutrora semellábame un ar fresco por ter esas interaccións que me lembraban aos animes dos meus tempos mozos, agora xa me parecen máis infantís e pouco interesantes. Todos os temas románticos non encaixan de todo, e ben poderían terse aforrado polo menos o infame intento de relación entre o príncipe-golem e a boneca-planta. O derradeiro desexo pedido no xogo, o de Gonte, seguiu con esa moda de gastar algo tan poderoso nunha nimiedade; non é que non encaixe coa súa personalidade pero tampouco veu ao conto. Claramente a cadea de favores do capítulo anterior foi o punto máis interesante de todo o xogo respecto aos desexos, inda que tamén se tería solucionado pensando e falando un pouco. Mais iso pódese aplicar a todos os conflitos do mundo.
No canto das mecánicas non houbo nada novo neste último titán. Cada andar ten unha morea de casas para explorar. A cuarta, ademais, ten moitos buratos que rematan nuns sumidoiros na planta inferior que nos obriga a volver a comezar outra vez o camiño. Nos niveis superiores, xusto antes da loita final, hai uns espazos moi diáfanos que decidín non explorar, non fora a ser que aparecesen encontros ao chou que me enfastiasen a incursión. Fiquei con ganas de percorrelo con tranquilidade. Pero non eran as suficientes xa que desinstalei o xogo logo dos créditos, por moito que me avisase dun novo alxube para seguir co videoxogo. Esa “Arca Infinita” promete un sistema de alxubes ao chou con cen andares por aventura. Pero as case sesenta horas que lle adiquei a experiencia foron abondo!
Nese tempo subín máis dun nivel por personaxe e hora, polo que, por moito que se atrancase algún alxube, sempre tiven a sensación de avanzar, facer ao meu grupo máis forte e desbloquear poderosas habilidades que nunca empregaría por tor non ter as ánimas axeitadas. Reflexionando sobre isto cheguei á conclusión de que canto máis complexo sexan os sistemas de equipamento e habilidades, máis lenta debería ser a progresión bruta das estatísticas dos protagonistas. É dicir, marcar ben a contraposición entre a mestría das mecánicas contra os números puros. Semella que hoxe en día non se leva moito, pero bótase algo de menos o de rematar unha partida por embaixo do nivel vinte.
Con todo alédome que este Unchained Blades fose a miña primeira partida en moito tempo a un xogo de rol en primeira persoa ao estilo dos Wizardry. Serviume para asentar os básicos dunha maneira non demasiado esixente, especialmente por non ter que levar a conta dos mapas con lápis e papel. Inda non sei se continuarei por aí. Polo de pronto destripeime que no Shining in the Darkness hai algunhas casas que rotan ao grupo sen avisar pero sempre na mesma dirección (ou iso creo). Pode que ese coñecemento facilite a futura labor de pintar o mapa… ou pode que axude á miña preguiza o de saber que seguramente terei que facer correccións nos mesmos. Pero iso será noutra entrada sobre outro xogo. Fin do Unchained Blades!
- Tempo de xogo: 55.5 horas.
- Nivel medio dos personaxes titulares: 67.
- Personaxes manexados: 8.
- Personaxes femininos: 5.