Reigns

Inda que principalmente escribo sobre videoxogos nesta páxina, os xogos de taboleiro son os meus preferidos, especialmente os de cartas coma Android: Netrunner ou O señor dos aneis LCG. Pero por moito que intente sacar eses dous á mesa sempre que podo, non teño intención de xogalos de maneira virtual. Por moito máis cómodo ou rápido que poda resultar, sinto que perde un pouco a maxia de xogalo coas cartas físicas, afastado das pantallas dixitais. Por esa razón tan abstracta é polo que evito as adaptacións virtuais de xogos de taboleiro, agás algunha partidiña con coñecidos de cando en vez, inda que si gozo deses videoxogos que se basean nas experiencias de taboleiro pero expandíndoos coas posibilidades computacionais modernas.

A imposibilidade de recrear todas as mecánicas do Hearthstone con cartas físicas pareceume unha xenialidade de deseño que lle daba moita graza ao xogo: dende xogar copias de cartas de toda a colección que cumpran uns requisitos, até facernos a nosa propia combinando outras xa existentes; ademais de axilizar moitas outras mecánicas coma escoller obxectivos ao chou ou lembrar efectos que se apliquen a certas cartas até cando estas volven á man do xogador. Dunha maneira similar, o Slay the Spire tamén emprega mecánicas similares que non poderían ser replicadas nunha versión tradicional, ao mesmo tempo que se encarga de levar boa conta de todos os efectos presentes en cada quenda, tamén aproveitando as características do medio para agrandar a xogabilidade. O Reigns, que lle pon título a este artigo por moito que estea a tardar en falar del, pode facernos crer que vai polo mesmo camiño, pero eu coido que non ten moito que ver cos dous anteriores exemplos.

A primeira vista, este Reigns non amosa moi obviamente a súa metáfora de baralla de cartas, xa que se toma moitas liberdades coa interpretación das mesmas. O que máis chama a atención nun comezo é que podemos tomar dúas accións para cada carta, mais os seus efectos non están descritos na mesma, senón agochados na capa dixital. Desta maneira teremos que intuír e descubrir as posíbeis consecuencias de cada acción baseándonos no texto de ambientación, algo totalmente contrario á meirande parte de xogos de cartas, dixitais ou non (o Dead of Winter é un contraexemplo claro, pero tampouco é dos meus favoritos). Non teño problema con esa falta de “pureza” de xogo de cartas, pero si con que a mecánica principal dependa de lembrar ou adiviñar os posíbeis efectos de cada acción. Polo xeral non tendo a favorecer os deseños consistentes en meterse na cabeza do desenvolvedor.

A verdade é que só xoguei unhas sete partidas rápidas en menos de trinta minutos, pero chegoume para saber  que non é para min actualmente. Recordoume un pouco a unha mestura entre o Europa Universalis dixital (inda que aí si que se amosan as consecuencias das accións, se lembro ben) e o Cultist Simulator, outro xogo de cartas dixital que tamén se basea en aprender as mecánicas ocultas do xogo, e no que non pasei dos dez minutos de xogo, tanto pola xogabilidade coma pola interface gráfica, que non se axeitaba nada ben á miña lonxana pantalla de xogo. O Reigns é menos ambicioso nese aspecto, máis sinxelo e lixeiramente máis acorde aos meus gustos, polo menos porque penso que requirirá máis intuición e menos notas alleas ao xogo para poder avanzar no mesmo.

Con todo, sigo na procura de máis xogos de taboleiro dixitais con mecánicas interesantes. Até entón seguirei botando unha partidiña de cando en vez ao Slay the Spire, agora máis comodamente porque xa non o teño que coller dunha ludoteca compartida de Steam.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.