<<

SEGA Mega Drive & Genesis Classics

Como estiven ultimamente abrindo tanto o SEGA Mega Drive & Genesis Classics para xogar os Golden Axe, aproveitei para completar algún logro que me faltaba por aí. Entre eles cabe destacar o de superar certo número de desafíos, que son escenarios de diferentes xogos que hai que superar dun xeito determinado. Teño dez xogos na miña colección con desafíos, xusto abondo para o primeiro nivel dunha serie de logros que nunca poderei completar, porque requiren o Sonic orixinal que xa non está á venda, e velaquí a listaxe coas miñas experiencias:

  • Comix Zone: gañar o torneo de Kung Fung con pouca vida. Este é un xogo que ten moi boa pinta pero no que nunca cheguei moi lonxe, polo que fiquei coa idea de que era moi complicado. Mais non debe ser tanto porque este desafío supereino con estilo á primeira sen saber nada dos controis.
  • Crack Down: finalizar o acto 3 do nivel 1 con, polo menos, 1:50 na conta atrás. Supoño que este xa o tiña xogado no pasado, pero a verdade é que non me lembraba de nada. É un xogo de disparos estilo Rambo III no que hai que plantar unhas bombas e fuxir antes de que remate o tempo. O desafío da vidas e tempo de sobra para completalo unha vez que aprendemos a distribución, polo que non foi complicado.
  • Golden Axe: superar o nivel 8 do duelo cun Gilius con pouca vida. Nada, dous esqueletos que non son complicados se abusamos do ataque rodante do anano.
  • Golden Axe II: vencer o segundo xefe con Ax Battler sen maxia nin continuacións. A estas alturas da miña experiencia coa saga isto non ten moito truco inda que non manexara nesta época a este protagonista.
  • Golden Axe III: vencer a 2 minotauros sen continuar coa bailarina. Xusto o que tanto me costou nas partidas reais! Supereino no cuarto ou quinto intento, pero non me serviu para aprender moito porque cando tocou facelo de novo nunha partida completa volvín fracasar varias veces.
  • Shining Force: chegar a Alterone sen máis dun membro perdido en batalla. Este foi duro. Cada intento levaba bastante tempo e dar un paso de máis polo leste facía baixar toda a cabalería inimiga que causaba o meu fracaso. Ó final resultou que indo moi pouco a pouco os inimigos decidían vir dun en un facilitando moito o asunto. Penso que ese estilo de xogo non vai comigo ultimamente e, por iso mesmo, nin xoguei a secuela nin outros dentro do mesmo xénero.
  • Streets of Rage: finalizar o primeiro nivel con toda a vida. Este xa o tiña superado de antes. Penso que hai un destes polos asados preto do final que permite recibir algún golpe entre medias.
  • Streets of Rage 2: superar o segundo nivel sen coller ningún obxecto. Non ten máis cousa que ter coidado co botón de ataque se hai cousas polo chan. Fracasei unha vez collendo algo que nin sequera se vía na pantalla, así que na segunda fun con máis calma e listo.
  • The Revenge of Shinobi: completar o primeiro nivel con só unha barra de saúde restante. Tiven que facelo dúas veces porque de primeiras entendín que era un “polo menos”, así que na segunda deixei que me batera o último inimigo do nivel ata que o requisito estaba satisfeito.
  • Virtua Fighter 2: facer unha remontada épica con Kage-Maru. O título é un pouco grandioso de máis, porque só é cuestión de gañar dous asaltos seguidos nunha dificultade tan baixa que conseguín facelo á primeira cun único botón e sen ter xogado este xogo en moitísimos anos.