Restless Soul
Son unha persoa que pensa que le bastante rápido. Ás veces, con sorte, ata entendo os escritos ao mesmo tempo. Porén, uns dos meus maiores inimigos nun videoxogo son eses textos que aparecen máis lentamente cá miña suposta velocidade de lectura. Normalmente acabo machucando o botón de avanzar o texto para que avance inmediatamente ata o final, pero son non poucas as veces que iso fai que me perda liñas. Neste Restless Soul inventaron unha nova tortura, xa que o texto aparece pouco a pouco pero podemos premer o botón “B” para que chegue inmediatamente ata o final, momento no que teremos que dar ao “A” para que continúe a conversación. Logo de alternar durante os primeiros minutos eses dous botóns constantemente, aprendín que simplemente mantendo o “B” premido os textos e as animacións pasan máis rápido. Mais quizais demasiado rápido: non me daba a cabeza para seguir o ritmo en todos os casos. Inda así, foi o que fixen en cada diálogo sen perder nada importante para avanzar pero, sen dúbida, si que moitas brincadeiras.
Porque toda a narrativa está tinguida de comedia, cun pequeno intento de bágoa ao final para compensar. As charabiscas son as previsibles de romper a cuarta parede (literalmente nun caso) con chiscas desas cousiñas do mundo moderno que nos amolan a moitos. Nada revolucionario e tampouco lembro nada que me fixera sorrir, pero nin son moi amigo das comedias nin estaba no estado mental axeitado para elas pasando o texto a toda velocidade. Do mesmo xeito, o final emotivo tampouco provocou en min ningunha sensación. Despois de todo, pouco puiden simpatizar coas personaxes entre crebacabezas estilo Sokoban, misións de reparto e as partes activas de acción. Estas últimas xiraban en torno a ese xénero de disparos con dúas pancas, coma o Godstrike, que ten unha morea de representantes pero que eu sempre atopo incómodo. Mais, polo camiño, tamén houbo misións de sixilo, seccións ao estilo do BIT.TRIP RUNNER ou incluso como o Tapper. Bastante variedade para as dúas horas que me levou completalo, a metade do que tardou a xente que se para máis a ler ou a atopar os coleccionables ocultos.
Non me arrepinto de xogalo, nin de apurar por todo o texto. Serviume ben, ao igual có Ittle Dew para ir trocando de aires tras o maratón de Monster Train. O meu obxectivo é retomar o Final Fantasy VI, pero claramente non estou con ganas de ler moito e dáme unha preguiza grande continuar onde o deixei. É probable que non atope nada de primeiras e pase a seguinte hora de xogos buscando algo novo no lugar de xogar ao que xa teño seleccionado.