<<

Destiny or Fate

O Card Quest tiña dous problemas especialmente sangrantes: as partidas eran moi longas e a necesidade de desbloquear as mellores cartas e obxectos con cada personaxe para ter opcións de vencer os xefes finais. Non creo que desenvolvedores deste Destiny or Fate xogaran a ese xogo de cartas, pero sen dúbida botáronlle un ollo ó Slay the Spire, inda que non se centrasen nas partes que fan bo aquel deseño para a súa implementación. Máis ben semella que fixeron o posible para facer a experiencia moito máis miserable. Para resumir os principais puntos negativos direi que cada partida completa son cinco actos, podendo levar cada unha hora cada un, e tras superar cada un obtemos unha moeda coa que mercar melloras persistentes. Estas melloras tocan todos os puntos do xogo, xa que permiten poder recibir cartas máis poderosas, mellorar as recompensas tras cada combate, ampliar o límite de reliquias que podemos equipar, mellorar a tenda para que permita eliminar máis cartas, melloras nas facultades dos heroes (a mercar por separado para cada un), melloras nos monstros capturados e moitísimas máis cousas que xa nin me lembro. Ollo que moitas teñen varios niveis para mercar, non sei se incluso son ilimitados nalgún caso.

Monstros

Todo iso permite que o xogo sexa imposible de gañar nas primeiras partidas ademais de que esquiva toda a tarefa de equilibrar o xogo, algo no que o Slay the Spire destaca. O mesmo sucede coas eleccións interesantes que hai que tomar na ruta de cada acto, xa que aquí non temos visión completa do mapa e, ademais, é posible visitar todos os nodos inda que semellen que foron deixados atrás, o cal incrementa o tempo de xogo se queremos maximizar as opcións de vitoria. Ó mesmo tempo o xogo tenta castigar esa estratexia dando menos puntos de melloras permanentes se tardamos moito en chegar ata o xefe final, co cal nesas primeiras partidas, que xa sabemos que non imos gañar, deberíamos obviar o de tentar mellorar a baralla con máis loitas a cambio de vencer rápido e así poder morrer antes e comezar unha nova partida máis doada cos puntos de mestría empregados. Non soa divertido e non o é. Eu prefiro que as posibilidades de gañar unha partida dependa da miña habilidade e coñecemento máis que de cantas partidas fracasei no pasado. Polo de agora diría que só atopei o Hades que me gustase inda que as melloras sexan continuas e bastante notables no comezo.

Xefa

A miña aventura consistiu en tan só tres partidas. Conseguín superar o primeiro acto, inda que collín dúas copias dunha carta que, inda que non o parecía e tardei moito en decatarme, golpeaba máis a miúdo os meus compañeiros cós inimigos, o cal resultou fatal nos primeiros compases do segundo. A seguinte partida foi unha derrota moi cedo, inda que tiña máis claro como funcionaba todo. Para a terceira cambiei de personaxe inicial, superei o primeiro acto no mínimo número de pasos e tamén fracasei no segundo. Serían unhas tres horas en total, ó que teño que sumar o tempo que pasei facendo unha investigación nos foros de Steam para corroborar as miñas intuicións. E foi entón cando decidín parar, porque non é para min, nin para ninguén que teña certa estima polos bos diseños lúdicos.

Rematado

Pero o máis frustrante de todo é que parece haber un xogo que me gustaría experimentar debaixo de tanta maravallada. Déixase ver o que podería ter sido cando entendo o que fan certas cartas (que, con grallas importantes, non é o mesmo que poñen, en moitos casos), penso como maximizar as orbes dos meus monstros ou fago algunha combinación con bo resultado. Pero para que ese pequeno diamante poida brilar minimamente tería que recibir moito traballo con xeito. É unha mágoa!