<<

Lufia & the Fortress of Doom

Non sabía se comezar polo primeiro ou polo segundo Lufia. O tema é que o segundo funciona coma precuela do primeiro, e ademais os primeiros minutos do orixinal coinciden cos últimos da precuela. Pero tamén está claro que as mecánicas melloraron co tempo, polo que a orde que respecta a narrativa interna tamén incluiría unha regresión ludolóxica. Finalmente optei pola orde de lanzamento. Ou, polo de pronto, comezar co Fortress of Doom e xa veremos se logo continuarei co resto da saga. En principio non lle tiña medo a destripe inicial e pensaba que a miña paciencia sería abondo para que non me importasen moito as mecánicas antigas. Pero equivoqueime. As dúas horas que lle adiquei deixaron claro que este xogo precisa adestrar moitísimo aos protagonistas para que podan levar o ritmo dos inimigos, e agora mesmo non estou pola labor.

Lembraba ben o comezo do meu anterior paseo polo xogo, xa fai moitos anos. Un grupo de catro heroes, de niveis moi elevados, conseguen derrotar a outros tantos “Sinistros” e estabelecer de novo a paz no mundo. A graza é que seremos os xogadores os que manexaremos a eses personaxes na culminación da súa aventura. Desta maneira experimentaremos de primeira man a epopea e teremos unha visión das mecánicas dun equipo completo antes de comezar de novo no primeiro nivel manexando un descendente deses heroes orixinais. Xa non me deu boa espina cando, ao comezar a partida, o xogo preguntou sen máis contexto “cal é o teu nome?” Eu introducín “Xiana” e, cando obtiven o control do protagonista, alí estaba: Xiana, descendente de Maxim e tratado universalmente coma varón.

Pasaron noventa e nove anos e pico dende que os “Sinistros” foron derrotados, e novos monstros ameazan a paz da rexión; xa sabemos o que lles gustan aos malos os rexurdires en números redondos. Xiana é un cabaleiro de Alexia, o único suficientemente preocupado polas novas aparicións como para xogarse o tipo nunha excursión dende a súa pequena vila até o lugar onde foron enxergados. De primeiras ira só, mais contará cedo coa compaña de Lufia, unha amiga de toda a vida cunha certa aura de misterio. Tendo en conta que o seu nome encaixa co título da saga, de seguro que o seu papel será máis importante que simplemente acompañar a Xiana e axudalo nos combates. Pero non cheguei lonxe abondo para sequera albiscar o máis mínimo sobre ela, só para que se unise un terceiro protagonista ao fato principal logo dunha dura batalla e pouco antes doutra similar.

Esas loitas guionizadas foron as que me sacaron totalmente do xogo. Aparecen de súpeto, incluso dentro dunha zona habitualmente segura coma poder ser unha vila habitada, e supoñen un salto de dificultade considerábel para o que estabamos acostumados. As mecánicas das pelexas baséanse principalmente en números e sorte, polo que pouco poderemos poñer da nosa parte neses picos. A novidade son os grupos de inimigos, cuxos individuos non poderemos facer obxectivos directamente e nos que se poden perder ataques adicionais se non o planeamos ben. Engade algo de variedade a esa tónica de premer o mesmo botón continuamente e funciona ben, polo que é unha mágoa que atopase esas dificultades no comezo, xa que me levan a non profundar no sistema. Por aí lin que non require tanta subida de nivel forzada máis adiante, pero non serei eu o que o corrobore; a experiencia dos minutos iniciais de calquera obra son moi importantes e poden desanimar a moitos.

Logo deste pequeno fracaso vou deixar en barbeito toda a saga. As miñas lembranzas da segunda parte son diferentes xa que incorpora moitos crebacabezas nos alxubes e pode que elimine as loitas ao chou. Pola outra banda, botei un ollo a outros xogos desa época que me gustaría xogar ou rexogar e resulta ben enorme! Supoño que me limitarei a aqueles que non xoguei moito no pasado, inda que toda a saga que comezou co ActRaiser e remata co Terranigma pode tamén ser interesante. Por non falar do Suikoden II, que para algo xoguei ao primeiro, e o Final Fantasy VI, para cerrar o ciclo desa primeira ducia de aventuras antes de saltar aos da PSX. Outra consola con xogos de rol xaponeses interesantes coma o Xenogears, Legend of the Dragoon, etc. Mellor paro.