<<

Phantasy Star. Capítulo 2

O último que fixera no capítulo anterior fora sobrevivir malamente un alxube. Nos anteriores apañárame máis ou menos ben a base de sorte, paciencia e memoria, mais os labirintos non teñen ningún senso lóxico e os corredores son sempre iguais sen referencias visuais. Logo de dar moitas voltas decidín comezar a cartografar eses interiores explorados en primeira persoa. Desta vez, ó contrario que no Shining in the Darkness, os mapas serán virtuais, empregando follas de cálculo. Inda non teño o proceso moi interiorizado nin uns protocolos axeitados, pero a técnica serve ben para non perderme moito. E digo moito porque un par de veces xa perdín o norte (literalmente) e acabei cun mapa imposible. E outro par non me decatei de que varios dos buratos no chan dun alxube levaban exactamente ó mesmo lugar, inda que parecese inviable espacialmente. Polo de agora diría que non atopei atrancos máis aló da miña falta de experiencia.

Outra cousiña que tamén fixen nos intres finais do capítulo anterior e non documentei alí foi aproveitar outra funcionalidade do emulador e activar o autodisparo nunha nova tecla. Desta maneira, podo manter premido ese botón e o combate avanza o máis rápido posible sen ter que sacrificar tanto a estabilidade futura do meu teclado. Lembro que o meu curmán ría moito cando eu xogaba a eses xogos “nos que só tes que bater continuamente no mesmo botón”, xa que el sempre prefería experiencias máis movidas coma o Gauntlet ou o Super Mario 64. E supoño que agora riría moito máis se me vise co dedo quedo na tecla e vendo pasar texto sen un simple momento de acción nin tomar ningunha decisión interesante. Confesarei que non foron poucas as pelexas eternas nas que botei man ó móbil para ler outros blogs namentres os puntos de vida dos inimigos baixaban moi pouquiño a pouco nas sucesivas quendas. Estes días non teño a cabeza para moito máis, pero debería formular se isto é realmente divertido ou se non estarei atrapado por procurar algo de progreso na historia. Se cadra mellor pospoño a pregunta a outro mes antes de pensar en volver o Loop Hero, que polo menos é honesto coas súas mecánicas.

No canto da historia tampouco é que avanzase moito, inda que si que botei bastantes horas entre unhas cousas e outras. Vou tomando nota de todo o que comentan os pouco falandeiros personaxes secundarios e atopei sen problemas macguffin tras macguffin para desbloquear as chaves que abrirían as seguintes portas no planeta inicial. Logo conseguín a nave espacial que me permitiu achegarme a novas zonas dos outros dous planetas e aí non tiña moi claro o que facer. Entrei nunha remota cova no deserto na que o feiticeiro venceu o seu mestre e aprendeu algo novo. O que? Pois nin idea, eu atopei a cova explorando sen razón para entrar nela e o diálogo final non me resultou nada claro, pero supoño que será algo necesario para derrotar ó malo-malísimo. Teño tamén unha lista de cousas que obter antes dese encontro final, pero non fica claro se serán obrigatorias para vencer ou se será un pouco máis ó estilo do Final Fantasy V e simplemente son maneiras de acadar máis poder para que a loita sexa máis doada.

Tampouco ten pinta de que estea seguindo o camiño de menos a máis dificultade. Nos últimos intres antes de vir escribir aquí, percorrín un complicado alxube no planeta de xeo que me outorgou un prisma para poder ver o castelo no ar do presunto inimigo final (inda non se deu o caso nunca de que alguén teña un castelo levitando e non sexa malo, verdade?). Hai por esa zona outro par de alxubes que percorrerei cando arranque de novo, entre eles un depósito de cadáveres que percorrín totalmente na medida do posible pero que non vexo maneira de atravesar algunhas portas que teñen un falso chan diante, quizais preciso algún obxecto dalgún outro lado? Lendo as miñas notas podería ser que puidese atopar unha noz que faga que o gato do meu equipo poda facerse xigante e voar, pero ten pinta de que iso é máis unha maneira de chegar ó castelo de Lassic que algo para empregar dentro dun alxube. Tampouco axuda, inda que lle da encanto á recolección de afirmacións, que existan dúas vilas contiguas que afirman que a outra minte, polo que non queda moi claro cal é a que verdadeiramente di a verdade. Xa veremos a medida que vaia xogando!