<<

The Final Fantasy Legend

Este foi o primeiro videoxogo de rol para unha consola portátil da historia. Citado como influencia en moitas outras obras, coma o Pokémon Azul, trátase da primeira entrega da saga SaGa, por moito que intente aproveitar a fama do Final Fantasy fóra de Xapón, ao igual que tamén fixeron co Final Fantasy Adventure. Elixino para xogar por eses motivos históricos, porque nunca xoguei nada da SaGa e porque hai unha versión oficial para Android, que non é máis que un emulador con algunhas liñas cambiadas porque serían máis ofensivas hoxe en día. A interface inclúe un botón para acelerar o ritmo de xogo, que é algo que levo evitando dende que inaugurei este diario, xa que quero experimentar os xogos tal e como foron concebidos. Sen dúbida o Pokémon Trading Card Game ou o Mega Man Battle Chip Challenge son máis levadeiros nunha versión apurada, coma xa os xogara hai moitos anos, pero mantiven esa pureza ata este The Final Fantasy Legend.

Bloqueo

Non é que sexa especialmente lento, pero no modo rápido as pelexas van a fume de carozo e as decisións que temos que tomar son idénticas. Abofé que, ás veces, non movía no mapa como eu desexaría, e falar con algunhas personaxes tornábase humoristicamente ridículo porque non acertaba a situarme diante delas. Pero, dende un punto de vista práctico, foi moito tempo o que aforrei. As pelexas ían rápidas e o meu dúo de mutantes progresou adecuadamente dentro das escuras regras coas que foron implementados. Tiña as miñas dúbidas sobre os comezos deste equipo, xa que o manual avisaba que os mutantes tardan en acadar poder pero, con todo, diría que foron as pezas máis importantes do cuarteto ata que mellorei o humán ata o suposto máximo. Pola outra banda, o monstro que ocupaba o último posto raramente foi útil, só aproveitando realmente a súa capacidade de cambiar de forma nun alxube para manter os seus puntos de vida altos.

Xogo

Con eses catro desde o comenzo, fun ascendendo pola Torre de Babel ata chegar ao paraíso. Os mundos intermedios semelláronme ben variados, inda que nuns poucos ía dun lugar cara outro sen saber o que facía pero activando os diálogos que parecían ordenados; supoño que o incremento de velocidade non axudou á confusión. Mais todo resultou máis claro cando vencín ao clásico malo-final-pero-non-porque-tiña-outro-manexando-as-cordas. Tiven entón que facer unha moi longa ascensión na que abusei da posibilidade de gardar en calquera momento para non perder progreso. Con tanta mala sorte que, na última zona da aventura, era un punto sen retorno e sen posibilidades de gastar os cartos, atopar novos obxectos ou loitar contra outro inimigo que non fose o Creador deste mundo. A batalla máis cómplicada, por moito, do xogo, e eu aí trancado para toda a eternidade.

Creador

Grazas ao incremento de velocidade, era relativamente rápido fracasar unha e outra vez neste combate e, de cando en vez, adicaba un pouco máis de tempo a ver se os deuses do chou intercedían no meu favor. Nalgúns tentos semellaba que si, pero o Creador empregaba a súa habilidade de rexeneración máxima e volviamos ao punto inicial pero coas miñas habilidades gastadas. Finalmente, atopei unha liña gañadora, empregando os feitizos de subir a defensa do meu equipo todo o posible coas mutantes mentres a humana batía coa arma máis poderosa que tiña e a monstro… pois morría sen facer nada útil. Tras varios tentos deste xeito a todo filispín, empregando estratexicamente as curacións que tiña a miña disposición, o Creador esqueceu o de curarse e conseguín a vitoria que xa parecía imposible. Diría que se non tivese os feitizos de armadura, os obxectos de cura ou a poderosa espada, este xogo remataría cun eterno fracaso.