<<
Especial 200 xogos: un videoxogo por ano (1985-1999)
Entre unhas cousas e outras o contador de xogos sobre os que falei nesta páxina chegou a 200! Para celebralo, decidín facer unha especie de metaxogo. Consiste en imaxinar que comezo este diario en 1985 e só podo engadir un videoxogo desta listaxe saído cada ano a miña colección, sen posibilidade de xogar a outros que non estean nela e sen toda a experiencia que teño hoxe en día. Por simplicidade, a data de lanzamento que escollín é a da versión orixinal, inda que eu xogase unha moito máis moderna con outros gráficos e incluso engadidos. Que pinta tería esa colección cando chegue de novo a 2022? Imos ano por ano.
- 1985. O ano inicial foi establecido por ser o máis vello mencionado no diario, en forma de TransBot e Ultima IV. Obviamente este último ten moita graza e ten moito máis para podelo estirar todo un ano até que chegue algunha nova incorporación, así que ficarei con ese e a ver se o remato desta vez.
- 1986. Dragon Quest, Out Run ou The Legend of Zelda neste caso. O último queda descartado por ser pouco profundo e, entre os outros dous, coido que o Zelda orixinal ten moito máis percorrido.
- 1987. Un bo ano. Os máis destacados son Final Fantasy I, Phantasy Star e Zelda II: The Adventure of Link. Este último é tentador, para desquitarme e continuar coa saga, pero penso que o primeiro Final Fantasy é un fito moi importante, divertido e máis agradecido có Phantasy Star.
- 1988. Altered Beast contra Final Fantasy II. Aquí vou un pouco contra esa lóxica de escoller o máis longo, pero o de Sega ten as vantaxes de poder ser xogado a dobres e quizais tamén preciso algo máis de acción nesa colección imaxinada.
- 1989. Columns gaña a Castlevania: The Adventure e Super Mario Land. É un bo xogo competitivo, con regras sinxelas e un sistema de puntuación que dá para xogar unha e outra vez.
- 1990. Gocei moito do Super Mario World no seu día e o prefiro a outras alternativas coma Catrap, ActRaiser ou, incluso, o Final Fantasy III. Primeiro plataformas da colección e unha incorporación moi digna.
- 1991. O Streets of Rage ten o seu mérito e todos os que o xogamos nos 90 o lembramos con cariño, pero semella que esta é unha boa oportunidade para volver a un deses xogos de rol xaponés en forma de Final Fantasy IV.
- 1992. Meter o Final Fantasy V xa semella excesivo, así que é a quenda do Shining Force orixinal, deixando o E.V.O.: Search for Eden para outra liña temporal.
- 1993. Vendo a listaxe aparecía un pouco de todo: Day of the Tentacle, Dungeons & Dragons: Tower of Doom, Kirby’s Adventure e The Legend of Zelda: Link’s Awakening son todos grandes xogos dos que se pode aprender moito, pero Super Street Fighter II: The New Challengers é demasiado grande como para deixalo escapar, e abondo para un ano enteiro de loitas virtuais cos colegas.
- 1994. Aquí teño bastantes dúbidas, porque coido que dependerá de como levase o resto de anos. Penso que o Demon’s Crest sería un bo candidato pola exploración que permite, mais se cadra preferiría ter acceso ó Taekwon-Do por se o grupo do Street Fighter quere variar un pouco as competicións.
- 1995. Realmente o Suikoden non ten moita competencia, inda que agora poida ter nostalxia polo Mighty Morphin Power Rangers: The Movie.
- 1996. O ano do lanzamento do Pokémon Azul tamén viu outros xogos de rol coma Super Mario RPG: Legend of the Seven Stars ou Shining the Holy Ark, e tamén o Dungeons & Dragons: Shadow over Mystara que tantos cartos comeu. Pero pode que xa me pasase algúns anos xogando a capturar pequenos monstros e non me importaría volvelo facer.
- 1997. Se do 1996 tiña 5 xogos na listaxe, deste 1997 non teño ningún!
- 1998. Non hai moita competencia na fin do milenio, e o Pokémon Trading Card Game vence sobre o Rhapsody: A Musical Adventure.
- 1999. Outro ano baleiro!
Na seguinte rolda deste especial tocará do ano 2000 ó 2019, con tan só un ano sen entradas e moitos con máis de cinco!