<<

Especial 200 xogos: un videoxogo por ano (2000-2019)

Continúo con este especial tan estraño no que elixo un videoxogo de cada ano para unha suposta vida alternativa coas adquisicións deste pasatempo moi limitadas:

  • 2000. Jet Set Radio, sen dúbida. Principalmente por ser o único xogo da listaxe neste ano tan redondo.
  • 2001. Entre o Castlevania: Circle of the Moon e o Golden Sun non o teño claro. O primeiro gústame nesa tradición de Castlevanias modernos e non tería ningún problema en xogalo varias veces. O segundo penso que é máis loado pero eu non o probei o suficiente como para saber se podería convencerme. Con todo, farei unha aposta por este último.
  • 2002. Castlevania: Harmony of Dissonance ou Metroid Prime. Esta é outra elección arriscada: o primeiro é garantía segura e o segundo inda non o rematei. Mirando un pouco as eleccións pasadas (e tamén a do 2003), coido que o Metroid incorporará máis variación á colección.
  • 2003. Castlevania: Aria of Sorrow por riba de Mega Man Battle Chip Challenge. Por fin entra un Castlevania na lista. O de Mega Man é unha curiosidade coa que simpatizo un pouco, pero non deixa de ser unha mestura entre unha caixa de Skinner e unha lotaría.
  • 2004. Baleiro, de novo. Unha pena que non poida meter aquí o World of Warcraft porque, sen ter eu xogado moito, sei que daría para un par de décadas sen botar de menos outros videoxogos.

  • 2005. Só teño o Pokémon Mystery Dungeon: Red Rescue Team e o Shaman King: Master of Spirits 2 na lista. Semellante ó segundo xa teño un Castlevania de verdade e o de apañar Pokémons dá para moitas horas de xogo.
  • 2006. Inda que o resto tamén son interesantes, os máis prometedores deste ano semellan ser o Test Drive Unlimited e o Titan Quest Anniversary Edition. Ningún é o expoñente do seu xénero pero ambos cumpren ben co seu cometido. Tendo en conta a de horas que botei no Diablo 2, supoño que un Titan Quest podería ser unha boa substitución.
  • 2007. Neste año teño media ducia, pero curiosamente os que máis me chaman son os que non rematei: Crisis Core: Final Fantasy VII, Etrian Odyssey e Everybody’s Golf 2. É certo que se comecei con eles foi porque tiñan certo atractivo, e as razóns para deixalos foi, principalmente, que tiñan que competir con moitos outros. Pero sen esa última condición penso que podería aceptar as cousas malas do Everybody’s Golf e meter bólas nos buratos.
  • 2008. É complicado que algo poida competir contra o Monster Hunter Freedom Unite tendo tempo e, se cadra, amigos para xogar en multixogador. Hoxe en día, coa Steam Deck, semella difícil volver á PSP, pero non me importaría xogalo todo un ano nese universo alternativo.
  • 2009. Xa tendo un Titan Quest o Torchlight non semella tan necesario. O Bayonetta é divertido e o Brütal Legend diferente. Mais penso que engadir o Plants vs. Zombies pode ser beneficioso, tanto pola súa xogabilidade como pola súa accesibilidade no caso de que queira partillalo con alguén non tan xogón. [Non quixen contar o League of Legends porque realmente non o xoguei no tempo deste diario].

  • 2010. Os que supoño que poden dar máis xogo son o Etrian Odyssey III, o VVVVVV, o WWE SmackDown vs. Raw 2011 e, se cadra, outro do estilo do Mystery Dungeon como pode ser o Z.H.P. Unlosing Ranger VS Darkdeath Evilman. Todos, agás o de Terry Cavanagh, teñen un modo pensado para moitas horas de xogo, mais penso que as aventuras do Capitán Viridian crean desafío abondo.
  • 2011. Dos oito xogos deste ano ningún me entusiasma demasiado, pero o Terraria fica como gañador claro, permitindo tamén xogar en liña con amigos, inda que nunca lle sacase partido na morea de veces que tentei xogalo. Outra opción sería o Unchained Blades, que me levou máis de cincuenta horas rexistradas sen facer o contido adicional e abusando do de gardar en calquera punto: con desafíos opcionais superaría amplamente o cento de horas nunha mesma partida.
  • 2012. Tales of Maj’Eyal sen dúbida ningunha.
  • 2013. Entre Sacred Citadel, Shadowrun Returns e Type:Rider a decisión tamén está clara. Non só polo contido oficial, senón porque o Shadowrun tamén ten bastantes mods que o poden expandir en todas as áreas.
  • 2014. Sete xogos diferentes que superei todos en media ducia de horas ou menos. O Schein foi o máis longo e con espazo para tentar minimizar as mortes ou o tempo de completado. O Transistor ten contido adicional que non experimentei pero que tampouco creo que sexa para moito. Supoño que o Strider deste ano é un Metroidvania axeitado para incluír na colección.

  • 2015. Once xogos! Contando con novos clásicos coma o Undertale no que un podería perder moito tempo tamén discutindo en liña. Pero o Blood Bowl 2 é demasiado substancioso como para deixalo marchar, e pode converterse nun deses xogos-estilo de vida no que poder investir tantas horas coma sexa preciso, algo que non vería mal neste suposto.
  • 2016. Don’t Move, PAC-MAN Championship Edition 2, Princess Remedy 2: In A Heap of Trouble, Reigns e Turbo Pug DX. Uf, mal ano. Pois o comecocos, que remedio.
  • 2017. Unha ducia de xogos contando o Dead Cells, o Doki Doki Literature Club e o Picross Galaxy. Supoño que a decisión estaría entre o primeiro e o último deses tres. Pero claro, tamén está aí o Slay the Spire que non ten competencia, e xusto agora estoulle a dar unha segunda vida. Non por nada foi o meu Xogón de bytes no segundo aniversario da páxina.
  • 2018. Celeste, Hades, Into the Breach e outros sete. Case deixo pasar a aventura mitolóxica de Zagreo por esas mecánicas roguelite que semellaban tan de moda estes anos. Mais pagou a pena analizalo dende lonxe e darse conta do ben integrado que está todo. Gañador claro.
  • 2019. Teño o Baba Is You, o Iratus: Lord of the Dead e outros xogos pequenos deste ano na listaxe. Supoño que o primeiro, inda que me cansou, ten un bo percorrido e, a falta doutros xogos do estilo, é un inmenso representante do seu xénero.

E con isto vou poñer punto final ó especial. Apañei un pouco de todo e penso que, no suposto de que o escenario que propuxen se convertera en realidade, tería unha boa selección de videoxogos. Se cadra non para montar unha páxina coma esta, mais si para non aburrirme diante dunha pantalla. A nada que non me quiten os xogos de taboleiro e os de rol estaría máis que servido!